Poesía Galega


O Carballo

O noso carballo da porta
ten un tesouro agochado
con máis de douscentos anos,
coas polas como tellado.
Ala polas primaveras,
bota follas a milleiras
e os paxaros garuleiros,
van ceibando os seus cantares.
Canta sabenza el ten,
co tempo que leva posto,
cantos paxaros pasaron
ende setembro a agosto.
E coa súa intelixencia
que lle da a natureza,
el vai trocando as cores
amosando a súa beleza.
Polo inverno esta gris,
na primavera vai verde
polo verán moi pechado,
polo outono esmorece.
No outoniño pelado
así e o noso carballo
este seco ou mollado

As nosas queridas letras

As nosas letras galegas
esas grandes viaxeiras
¿Seríamos algo sen elas?
Son dos nenos e das nenas
Das mulleres e dos homes
Son do mundo que puñetas.
Son de aquí e son de ala
O mesmo veñen que van
Elas que son tan sinxelas
Para entendelas ai que velas
Para coñecelas tes que lelas.
Exprésanse con dozura
Con rabia e con tristura
E que elas son soamente
As nosas queridas letras.
No mesmiño día delas
Prégolles a todas xentes
Que as acariñen con xeito
Que as queiran merecentes
Que sexan como bandeiras


Lembranzas

Lembranzas de vellas
de curas e beatas,
dos ríos das augas
das xentes das casas.

Puxemos lembranzas.
daquelas ruadas
de infancias soñadas
tódalas lembranzas.

Quedaron preñadas
de puras lembranzas
dende terra allea
de nós afastadas.

Foron as lembranzas
Sempre caviladas
dende as diásporas
moitas estimadas.

E todos xunguidos
con tantas colleitas
fixéronse anadas
para ter lembranzas.

O Carón do tempo

Vou o carón do tempo
furando na tempestade,
fuxindo das malas artes
por se os días son longos
que liscan dos espertares.
Se as mentiras son tampas
que te empuxan o futuro,
que non te sacan de chanzas
se non que te meten nelas
sen comelas nin bebelas.

O muiñeiro
O muiñeiro de Andrade
e como un chisco famento,
e dóenlle ata os toxos
que pon alí no cemento.
Quere aforrar con astucia
o que pode ser esterco,
de ai que el non queira
sexan comida para besta.
Por iso el sempre rifa
con aqueles da malaxe,
e que me fodes a estrume
e escaralládesme o traxe.

Polo Nadal
Prende a fogueira María
e atízalle a auga fría,
que nestas noites que veñen
xa dan máis do que teñen.
Deixan o xeo nas portas
e carámbanos nas hortas.
pistas para patinar
nas rúas e nos tendais
remedio dos nosos males,
quentarnos no noso lar.
Unha brúa ben quentiña
con chourizo de afumar
con mariscos cogomelos
nestas festas do Nadal.



Verbas
A parte de coser madeira
agrádame coser nas letras,
artillando e argallando,
fago contos e poemas.
Como encaixe de boliños
son palilleiro de verbas
costureiro de palabras
sempre estou moi preto delas.
E meu xogo máis fermoso
o meu xovi predilecto,
Ir ceibando nun papel
as falas do pensamento.

A Vergoña Antiga


Era de fidalgo
falar castelán,
máis falar galego
era de pailán.
Só aquel labrego
sostivo o tempo,
non tiña vergoña
de falar galego.
Máis moitos da terra
que a fora saian
con medo dicían
non ser da Galiza.
Non sintas vergoña
de ser ti galego,
fala con fachenda
non sexas un pego.
Coa a nosa linguaxe
estás renacendo
axuda a túa terra
falando galego.

MIÑA CASA

Entre follas de carballo
entre relente e orballo,
erguestes ti miña casa
feita de pedra e de barro.
Casiña casa de pedra
de lousa e de madeira,
hoxe dormes longamente
co Tordea por cabeceira,
queira deus que ti espertes
dise longo sono de anos,
que a tristura que vertes
non che dure moitos anos

O CARRO
Xa non choras nos camiños
xa non roxes polas veigas,
non se escoita o teu andar
nos recunchos do luar.
Fúche-lo o rei dos camiños
o amo das corredoiras,
ti amansába-las pedras
con fungueiros e treitoiras.
Se cantas voltas ti deches
cantas cantigas ceibaches,
polos montes e veigas.
De ti lembraranse as leiras
cando metías o corpo
ata o mesmiño chedeiro,
cos teus zapatos de ferro
co teu pisar de madeira.
Hoxe dormes de nostalxia
polas palleiras do agro
o teu sono xa e longo,
o espertar non doado.
Poesía integrda en Dous no Camiño

Ende a Diáspora

Cantos días eu pasei
na Poboa de San Xiao,
pretiño daquela Chousa
daquelas rúas pequenas.
Aquela estación do tren
con maquinas de caldeira,
aqueles días de feira
con polbo e viño da terra.
Aquelas tardes de baile
aquelas pontes de pedra
co Tordea o Sarria e o Neira.
Nesas veigas sementadas
co verde da primavera
Ese Rego, estalicado
E esas cañas de Maceda
Non as esquece calquera.

O CONTO
Algo que e de costume
ende que o mundo ten tino,
e ter a lingua lixeira
para traxar o máis amigo.
Os compadres as comadres
porteiras e raparigos
Eles soás encárganse,
de espallar o contiño.
Comezan dúas persoas
a expoñer un contido
de algo que alí pasou,
ou poñendo acontecido.
E vanlle alongando a corda
para que o conto teña fío,
Xanciño alóngalle un cacho
farruco outro chisquiño.
Maruxa que está na porta
xa non pode resistilo,
e como ela e de lei
dálle outro empuxonciño.
O conto vaise alongando
vai perdendo o seu contido,
se aquilo que era branco,
trocouse mouro perdido.
Din que alá pola veiga
vai o conto de camiño,
cada vez faise máis grande
xa non colle no seu sitio.
E que a cousa foi medrando
como a enchente no río,
aquilo que aconteceu
xa non semella nin pío.
Di un proverbio moi sabio
non fagas caso o veciño,
daquelo que ti escoites
créete soo un chisquiño.
Só daquelo que ti vexas
que ti poidas discutilo,
podes crer a metade
sen arriscar o fociño.

Ledicia
Rematou a paz e o sosego
das campiñas as ribeiras e os caneiros
ollo atrás xa non vexo os amieiros.
Por lembranza levo a auga de aquel río
xa me bou empuxado lonxe dela,
xa que volto ese mundo dos ruídos
dos asfaltos e dos fumes comprimidos.
Levo anaco do sosego desta terra
para gardalo todo o ano nun talego.
e beber a modiño pouco a pouco
para erguer a ledicia dun galego.

Diasporeiros
Soño contigo esperto
co sosego dos caneiros
aqueles tristes medeiros,
que se esqueceron no tempo.
Cos carriños de madeira
cos regos chorando auga,
coas rolas cos estorniños
cos cruceiros nos camiños
testemuñas dese do tempo.
Soño contigo esperto,
lémbrome aquí desas cousas
daqueles tempos pasados,
e dos invernos mollados
metidos baixo das lousas.
Ese tempo vai fuxindo
perdéndose nos vieiros
pasa por riba de nós
facéndonos diasporeiros

QUE SOMOS

Uns sinxelos cagóns
unha fía de botóns
pelexando polo mundo.
Enganados polo tempo
imos fiando e fiando,
deixando que pase o día
a noite e mailo inverno.
Loitando nun mar de envexa
aínda peor cos cadelos,
cada quen ca súa parida
cada cal co seu latexo,
case que non podo crer
a vida como a vexo

MESTURAS
Mesturas de gaitas e sons
xigantes e cabezóns
ruantes e tomboleiros
personaxes con sombreiros.
Roscas e empanadas
pan de Usá e pan de millo,
avespas catando todo.
Moreas de lambetadas
xentes que veñen e van
nas feiras do San Froilán

TREMA A TERRA
Trema a terra baixo os pes
fáiseme o chan inseguro
nese mundo que non ves.
Ferbeche o corpo e o senso
do ser que se fai sentir,
ela ten o seu sufrir
como calquera eu cavilo.
Aturar a tanta xente
cos seus retrincos sorrisos,
se os homes creemos ser
donos desta criatura.
Só andamos a procura
de facernos con bos tronos
sempre estamos a esquecer,
que somos un aluguer.
Se neste anaco do tempo
ela é a nosa dona
e non nós os donos dela,
non te enganes compañeiro
por moita terra que teñas

PAXARIÑO
Canta paxariño canta
Como o son do furado desa gaita,
que os dedos gaioleiros
poñéndolle o que fai falla.
Toca gaiteiriño toca
dálle fondo co pe da túa zoca.
Tamboriles e pandeiros
frautas e pandeiretas,
van entrando con ledicia
por entre as miñas orellas.
Ese fol que vai medrando
baixo o brazo do gaiteiro
argallando a melodía
para alegrarme o día

ROSENDE
Foi camiño de Rosende
pretiño duna carreira,
no cimo de aquela fonte
atopei unha moeda.
E tiña a cara de un home
daqueles que raxan tela,
tan ledo me atopaba
cos cartos na entretela,
que eu non me decatara
de que alguén alí a puxera.
Meniño dáme eses cartos
que eu son o dono deles.
Diso nada meu señor,
nesa fonte eu atopeinos
no chan estaban ceibados,
alí pretiño da terra.
O feito de estar no chan,
non podes botar man deles.
Tamén aí puxo Deus
o Ceo e maila Terra,
e non por iso ti podes
sinxelamente collela.

A TÚA LEI
Mataches a ilusión
que e o que eu máis quería,
impoñendo a túa lei
pensaches que o arranxarías.
Fuches fiando no tempo
amañado con mentiras,
cando non te decatabas
alí onde te metías.
O falso non e seguro
ou poñer brando por duro,
nin o rumor por verdade.
A mentira e esa lei
que envolta de papei
non soporta a molleira
indo de calquera maneira

O SANTO
Que lle pedirás o santo
santo dista terra miña,
ese que vela os teus sonos
ou olla as túas fecharías.
El que sabe os teus receos
e che escoita as ironías,
que lle pedirás o santo
se el ten máis de mil días.
El sabe os teus pensamentos
non lle leves agonías,
non te enganes con rezar
presumindo de devota.

DESTINO
Todo comeza e remata
todo o que prende apaga,
ata se chega este mundo
asomado a unha burata.
Por un vivir sen acougo
o reloxo xamais para,
ese destino que rexe
as ledicias as nostalxias.
Tantos seres cativiños
que esmagamos con saña,
que somos ata verdugos
por a cor ou pola raza,
sen parar a cavilar
que somos case que nada.

MIL VOLTAS
Vivimos unhas cantas primaveras
enrolados en pedantes fantasías,
artillando paripes de tantas cores
sen ollar a verdade que aí brilla.
Perseguimos bolboretas decoradas
esquecendo o mellor dos nosos sonos,
Amaras os teus mentres podas
que vida en pouco tempo da mil voltas,
se o pasado fixo historia con medida
fai ti o que podas sen sentila.

Tantas Cousas
E magoa de tantas cousas
das fontes dos ríos e as gaivotas,
que morren desvalidas de tristura
perdidas neses mares esquecidas,
sen saber atopar o seu camiño.
Lástima das augas destinguidas,
de tanta nobreza esquecida,
das experiencias forxadas,
e dos centos de figueiras
que foron sempre aleitadas
por esta terra nai desvalixada.
Grazas a deus mil grazas
por deixarnos soñar sen esperanzas,
por tantas e tantas cousas.
Polos montós de palabras
por falar e máis falar
para non dicir case nada


CAVILAR
Se paras a cavilar
este noso cometido,
hai frases na nosa vida
que no lle atopas destino.
Só falar e máis falar
sen atopar un camiño.
Aprende dese muíño
que a auga dálle a forza
ea comporta o seu xiro.
Faite a beira deixa sitio
pode axudarche o destino

Miña Terra
Terriña que ti gardaches
o niño onde eu nacín,
douche as grazas miña terra
por este ceo que vin.
Polo verde da ribeira
pola auga desa fonte,
por tantas cousas dou grazas,
si seméllame que foi onte.
Cando saín desta terra
dinlle abur a ese monte,
agora que torno a ela
a ledicia non se esconde.

FILOSOFÍA
Entender a vida e unha filosofía,
comprendela unha carreira,
o vivila un gram reto,
o queimala... unha traxedia.
Medita ben as promesas
non as tomes a lixeira,
utilizando a cordura,
vista de calquer maneira.

Chora o Inverno

Chorando vai o inverno
polas follas dos carballos,
chorando vai, vai chorando
por camiños esmagados.
Chorando vai el con medo
fungando xunto ós arados,
escorre polos madoiros
e baixa polos tellados.
Vai lavando as corredoiras
enchidas de pedras longas,
da auga que tanto chora
rega a terra que namora.

Muíño
Muíño que rula
fito de perolas
movido por augas
de regatas longas.
O xogar dos nenos
con soños de pombas,
van ollando o ceo
baixo desas lousas.
Auguiñas que bulen
polas corredoiras
van lavando as pedras
desta terra nosa.
O bulir dos nenos
na volta da escola,
esta nova xente
con gaña de esmorga,
medran tan axiña
que farán a historia.
Son madeira nova
con sabia do tempo,
que están a facer
un renacemento.

Por non Saber Acougar

Alá vai Xan da Pita
xa por fin acougará,
el pelexaba por todo
non viviu por pelexar.
Pelexaba polo porco
pola pita e polo can,
pelexaba polas leiras
polos contos sen contar.
Case que non tiña dentes
os que poder amosar,
e so el os empregaba
para poder pelexar.
Alá vai Xan da Pita
deixou xa de pelexar,
din que o fixeron rifando
unha noite de San Xan,
ende entón xunto o barrelo
encomezou a rifar.
Xa a nai non o aturaba
o pai tivo que deixar.
Hoxe acougan os veciños
nese velorio de Xan,
acougan os raparigos
por deixar de beliscar,
que ata o crego dixo ¡hai!.
As vellas sacan os panos
por querer xustificar,
se por fin acougan todos
hoxe dorme hasta o can,
que o tiña rabexado
non deixaba larfar.
Co seu traxe de madeira
e os ollos ben pechados,
dorme o Xan a súa morte
xa non precisa de letrados.
Hoxe dan grazas a Deus
ata os mesmos arados,
xa que ata os aveños eran
ata por Xan maltratados.
Alá vai Xan da Pita
quen deixou xa de rifar
poucos choran a súa morte
por non saber acougar.

Desfeitas
Cada quen no seu lugar
cada lugar no seu sitio,
cada sitio no seu tempo
cada tempo co seu mito.
Cada mito con quen fose
fose quen fose o bendito.
Bendito sexa quen dixo
a natureza e modesta
molesta tanto o que vexo.
Vexo o ceo e maila terra
terra que tanto soporta,
soporta tantas desfeitas
que xa non teñen sentido.

SETE VIDAS
Sete vidas ten o gato
e moitas máis o retrato,
que pasa o longo do tempo
conservando ata o farrapo.
Debe ser pola loubana
que non lle caen os anos
nin os días nin os meses
que non mancha nin os panos.

O MEU CAN
Choraba o meu can
quería ser home
xa que estaba farto
de comer nun pote,
de andar nu mundo
facendo de pobre.
Choraba o meu can
quería ser home,
el tíñalle envexa
a tódolos homes,
de ver como eles
andaban en coche.
O non comer a mesa
nin beber licores,
non durmir quentiño
con mantas de flores.
Choraba o meu can
quería ser home,
quere ser un máis
de xogar coa bola.
El tennos envexa
el non viste a moda,
de non ten os cartos
de non ir a escola.
El tenlle manía
o demo das rodas
xa que non soporta
que estas din voltas.
Non chores meu can
ti non nos coñeces
hai moitas cousiñas,
que non as padeces.
E se Deus te puxo
de can nesta vida,
non renegues dela
sácalle partida.
Ti non tes traballo
nin compras comida,
non che costa cartos
lavar a camisa,
pagar os impostos
e ir sempre axiña.
Faime caso can
non teñas ledicia,
os homes son tolos
e teñen cobiza.
Róubanse entre eles
mátanse e rifan,
son como unhas burras
sempre teñen presa.
Se por ir correndo
ráchanse a testa,
nunca están contentos
e sempre protestan.
Ti non tes riqueza
non posúes fortuna,
pero tes o día
a noite e a lúa.
Ti tes liberdade
e nos non a temos,
terás tantas cousas
que descoñecemos.
Non chores meu can
por querer ser home,
segue como es
comendo dun pote
xa que ti es máis rico
Que tódolos homes.
Faime caso can
e sigue de pobre

PEGADAS
Dixo unha voz popular
andando faise camiño,
ese si vas con ese tino
deixas vieiro o pasar.
Coida que a túa pegada
sexa firme nese andar
para despois co tempo
non se desfaga o pasar.
Poucos foron profetas
na terra que foron nados,
só as pedras escoitan
pero endexamais falaron.


Esconxuros
Encomendase o Demo
e a Deus tamén
por se un lle fallara
o outro vai ver.
E prégalle os dous
con gran devoción,
por se un e malo
e outro e mellor.
Rezos e conxuros
amansan os burros.
Para vivir a vida
sen grandes estimas,
o mellor de todo
ver a quen te arrimas